DOCUMENTO 1: Como innovar na aula de linguas?

Neste primeiro documento faise unha puntualización moi necesaria sobre tema da innovación educativa: “Todo proceso de innovación educativa debe partir de una investigación o una indagación previa”. Así, resulta fundamental puntualizar que non toda innovación é positiva e non se pode innovar por innovar, pois detrás dunha proposta de innovación debe haber sempre unha intención de mellorar as prácticas educativas e esa intención debe estar suxeita a unha xustificación pedagóxica, coherente e viable que atenda ao factor contextual. 

No caso da ensinanza de linguas estranxeiras, depende de a que nivel esteamos a propoñer a innovación. Por unha parte, se pretendemos innovar a nivel interdisciplinario atopámonos máis limitados xa que precisamos do permiso do centro, da colaboración doutros docentes, etc. Neste caso, hai moitas propostas realmente interesantes que se poden levar a cabo e que resultan moi enriquecedoras. Unificar distintas materias nun mesmo proxecto é sempre positivo para o alumno, pois evitaremos esa concepción da educación como un sistema de parcelas illadas e independentes. Sen embargo, podemos optar tamén por unha innovación máis “pequena”, dentro da nosa propia aula, onde contamos cunha grande liberdade para modificar a metodoloxía, a forma de avaliar, as tarefas a realizar, etc.  

Centrándonos entón nesta innovación se cadra máis asumible en certos casos, dentro da súa aula o docente podería aplicar un metodoloxía máis centrada no alumno, un enfoque máis comunicativo no que o foco do proceso fose precisamente ese, a capacitación comunicación na lingua-meta. Aínda que nos últimos anos véñense introducindo cada vez máis cambios nas aulas de linguas, a maior parte do profesorado segue ancorado nunha metodoloxía excesivamente centrada na gramática e na repetición, na realización de exercicios mecánicos que non implican unha asimilación real do uso da lingua.

Asemade, a incorporación das TICs na aula de linguas é sen dúbida unha das innovacións máis demandadas pola sociedade (especialmente en tempos de pandemia e docencia telemática). As novas tecnoloxía permiten ao docente aproximar a lingua real ao alumnado a través de vídeos, gravacións, conversas con nativos, etc. que aumentará a súa motivación, máis tamén fomentará unha aprendizaxe máis significativa.

En definitiva, se no canto de empregar un enfoque dedutivo, aplicamos un máis indutivo no que o alumnado poida aprender facendo, de maneira activa, cometendo erros se é preciso e asimilando as normas inconscientemente a través do seu uso e non da súa repetición mecánica, lograremos unha aprendizaxe máis afectiva a longo prazo. Ese é o camiño que, na miña opinión, debe seguir a innovación nas aulas de linguas estranxeiras, un camiño cara a aprendizaxe significativa, a colaboración e a comunicación real.

Comments