DOCUMENTO 2: Os EVA (Entornos Virtuais de Aprendizaxe)


Os EVA ofrecen unha oportunidade magnifica de que o alumnado traballe de xeito colaborativo para crear un proxecto virtual común no que cada un aporte o seu gran de area, fomentando así o traballo en equipo no canto da competitividade tan común nas aula e introducindo diversos recursos informáticos que serán indispensables para o seu día a día nun mundo cada vez máis cicelado polas novas tecnoloxías.
    A actividade proposta neste caso é a realización dun podcast común empregando Audacity, unha aplicación que permite gravar e editar audio. Para a posta en marcha deste proxecto, dirixido a alumnos de cuarto da ESO con un nivel B1 aproximadamente, dividiremos a clase en grupos de tres persoas. Cada un destes grupos deberá escoller un tema que lles interese (pode ser calquera cousa: un libro, unha película, un acontecemento histórico, un movemento social, un actor ou actriz, etc) e facer unha gravación en inglés de aproximadamente quince minutos (repartidos equitativamente entre os tres membros do grupo) coas seguintes partes: exposición do tema, xustificación da súa escolla e breve debate/opinión sobre o mesmo. Un vez estean feitas e editadas todas as gravacións e co permiso do alumnado, procederase á súa subida á plataforma Spotify, onde cada unha delas constituirá un episodio dun podcast de temática extremadamente variada.
       
Con este proxecto preténdense poñer en práctica os diversos conceptos que o alumnado foi traballando ao longo do curso (gramática, vocabulario, fonética, etc.), así como fomentar a creatividade e a motivación deixando que escolla libremente a temática do seu capítulo, contribuíndo así a que aprenda non a través de exercicios como tal, senón a través da produción directa de textos orais e reais. A continuación deixo dous exemplos de podcast que poden servir de inspiración, pulsando nas imaxes pódese acceder directamente:
 



Comments