COLEXIO SANTA MARÍA LA BLANCA (MADRID)


O colexio madrileño Santa María la Blanca é pioneiro en España en tecnoloxía adaptada a un modelo educativo personalizado a cada discente. Partindo da análise das habilidades do alumno, os seus ritmos e demais aspectos, chégase a un diagnóstico a partir do cal se crea unha guía personalizada que o alumno debe ir facendo. Para poder levar a cabo este modelo, explica a directora do centro que se apoian en grande medida nas novas tecnoloxías e que esquecen por completo as clases maxistrais, sendo estas substituídas por citas de seguimento con cada alumno nas que o docente comproba a súa evolución e resolve dúbidas. 

Esta experiencia educativa resulta sumamente interesante, concretamente a súa concepción da avaliación, que vai máis aló do exame tal e como o coñecemos e permite ao alumno escoller cando e como se avalía. Así, considero que a flexibilización da avaliación para adaptala ao alumno é fundamental para obter uns resultados reais: a pesar de ter os coñecementos, non todos teñen a capacidade de demostralo nun mesmo modelo de proba única como son os exames tradicionais. Sen embargo, a parte mencionada anteriormente de esquecer as clases maxistrais e ofrecer ao alumno unha guía que vai solucionando empregando recursos online, non me parece a mellor opción. En internet pódese atopar unha cantidade inmensa de información e, seguindo este modelo, é posible que o alumnado se perdese intentando resumir, priorizar e entender tal cantidade de datos. Polo contra, cunha pequena clase maxistral, por exemplo, o alumno recibiría a información algo máis simplificada, aforraría tempo, etc. Isto non quita que non deban aprender pouco a pouco a manexar a web e toda a información que poden atopar nela, mais considero que se cadra que esa sexa unha práctica xeralizada no seu proceso de aprendizaxe podería resultar en ocasións contraproducente, abafante e innecesariamente complexo.


 

Comments